Un amplo conxunto de accións exercidas sobre a vivenda e o patrimonio, nas cidades, nas vilas e no medio rural, e en xeral contra o territorio, déronse en chamar feísmo no noso país. É un termo aplicado máis aos aspectos formais do mostrado nunha serie de fotografías comentadas aparecidas esporadicamente nos medios de comunicación que a unha reflexión sobre a realidade captada nelas e a súa tipificación; considerouse porén necesario abordar xustamente isto último e para iso organizouse o I FORO DO FEÍSMO en novembro de 2004. O resultado recóllese no libro Feísmo? Destruír un país, un extenso material de reflexión e documentación fotográfica.

Convocamos agora, dous anos despois, o II Foro Internacional do Feísmo, baixo o lema Construír un País: a rehumanización do territorio, considerando que o chamado Feísmo é un estado de cousas, unha forma de relacionarse co medio e cos demais que só pode irse tipoloxizando con reflexións desde moitos ámbitos. Estariamos ante unha consecuencia sistémica, non autóctona; participa das características de fenómenos similares en todo o mundo, tanto no centro como na periferia do sistema.

Algúns ámbitos de reflexión poden ser os seguintes:

O modelo de cidade do xix e o canon de hábitat rural que conservaban a escala humana dan paso a modelos-albergue que priman a capacidade [concentración de cidades, proliferación de barrios/urbanizacións, crecemento ao longo das vías de comunicación] ou desaparecen [como é o caso do canon rural agrario] a partir do s. xx, de forma que se reforzan as vías que priman a velocidade de tránsito para atravesar-conectar territorios construídos cada vez máis vastos [non-cidades]: é o novo espazo do ser humano-produtor «autosuficiente» e rendíbel. A vivenda está no epicentro de ditas transformacións [destrución-creación]; xunto co estado do resto de construcións populares e do patrimonio cultural, dá conta da tensión [valor económico – valor cultural] na relación home-territorio.

Os non-lugares consumen así unha parte importantísima de recursos públicos e privados; parece que o tránsito e o anonimato obteñen unha maior atención que «o lugar»: son máis rendíbeis a expensas dunha perda de humanización [incomunicación, velocidade].

As guerras devastadoras imperialistas e o modelo de reclusión das minorías no s. xx estrean unha forma de terror metódico —II Guerra Mundial—: os recluídos son exterminados e constrúense para iso edificacións específicas. Apenas 60 anos despois, os palestinos padecen unha reclusión que inclúe no seu asasinato o castigo á familia e ao propio territorio: destrución de vivendas e hortas, bombardeo de edificios sospeitosos cos seus habitantes dentro...

O Muro físico visualiza a repulsa polo outro —Israel > Palestina, Marrocos > Sahara, EE UU > México, España (Ceuta) > África—; non son muros defensivos, senón ao contrario, afirmación icónica do modelo cárcere-reserva-de-masas.

A realidade-ficción dos medios de comunicación estabelece territorios virtuais simplificados estatísticos e pre-interpretados: a historia é historia antes de ocorrer, decrétase e así non hai que pensala; a política xira en torno a titulares xornalísticos e o pensamento do cidadán mide 30 x 40 cm por tema e día, foto trucada incluída. O planeta vívese ao seu través —noticias de guerras, catástrofes ou da ‘Beautiful People’— ou, como mal menor, a través do turismo exótico. Falamos cada vez máis sobre o que din os ‘media’; son os notarios, o resto da realidade non existe. Exemplo do dito: o tema do Feísmo no noso País proponse como prótese graciosa consubstancial ao cidadán galego rural —se foi emigrante, mellor— ou construtor nas urbes —tamén levan «boina»—; sen máis.

A virtualidade, o comercio do coñecemento, o papel da bolsa, son hoxe soporte fundamental do valor engadido: o capitalismo industrial cedeu ante o financeiro, e este redefínese segundo a rendibilidade de conceptos como a velocidade na transmisión de datos ou a titularidade do espazo exterior: instantaneidade e novos territorios de poder. A vivenda parece ter só un valor hipotecario; o solo o da especulación: ambos, flutuantes, inestábeis; carga desacougante aquela, tesouro amoral este.

A membrana Terra ténsase física e socioloxicamente con agresións de dimensións e saña inimaxinábeis apenas hai uns anos. As cortas anuais na Amazonia do tamaño de Bélxica, a construción do encoro ou novo mar interior chinés, co desprazamento de 600.000 persoas; migracións forzadas de millóns de cidadáns que arriscan a vida fuxindo da miseria, asedios e ocupacións preventivas con millóns de mortes; cidades que crecen exponencialmente fóra de control, migracións de grandes centros de produción na procura de man de obra barata, deixando tras de si millares de parados, países enteiros aos cales se lles extrae a súa riqueza, de forma que fican condenados á miseria. Estas tensións estabilizan a súa progresión e están a definir novos territorios desposuídos de sentido ou de difícil intelectualización, separados por espazos baleiros, de tránsito, ás veces desérticos; son os territorios do feísmo e a provisionalidade, o hábitat da soidade e da pobreza.

En todos estes casos, o concepto de territorio cumpre funcións novas case sempre ligadas a experiencias inhumanas, amorais e angustiosas. En Galiza, o deterioro da vivenda tradicional e as aldeas, xunto ao realoxamento en novos hábitats colmea, produciu en centos de millares de persoas o desapego e a perda da historia persoal e colectiva. Ademais, o intracolonialismo fixo outros estragos: ao rexeitamento do valor do propio engadíronse actuacións permitidas por acción ou omisión durante decenios —canteiras, encoros, minas, decenas de miles de incendios, construción descontrolada, gravísimas agresións industriais...

O feísmo instálase, avanza, canonízase; mais é só un síntoma. Estamos talvez ante unha manifestación dun modelo que se aproxima ao colapso vertixinosamente?